Os alumnos/as do itinerario de “Xestión de repoboacións forestais e de tratamentos silvícolas” comezan hoxe o período de prácticas en empresas do sector. Este módulo de prácticas finalizará o día 14 de setembro, tendo unha duración total de 80 horas. O obxectivo é que o alumnado poida aplicar en empresas aquelas aprendizaxes que adquiriron durante o curso. Ademais, o contacto que implica entre empresas e demandantes de emprego pode contribuír a favorecer procesos de inserción laboral.

Os sete alumnos/as que finalmente realizarán as prácticas están distribuídos nas seguintes empresas que asinaron os convenios de colaboración: Cultigar, S.L.;  Servitec Medioambiente, S.L.; SYLNOR, S.L.; e Asociación Forestal de Galicia

Durante o período de prácticas o alumnado integrarase no centro de traballo e contará con dous titores/as de apoio: un no centro de traballo, designado pola propia empresa, e outro do programa Mocidade con Emprego. Deste xeito realizarase un seguimento coordinado para favorecer a integración e a aprendizaxe de cada alumno. En canto aos contidos das prácticas, podemos destacar os seguintes: proxectos e planos técnicos de corrección hidrolóxico-forestal; traballos de corrección hidrolóxico-forestal; construción e mantemento de camiños forestais de terra; impacto ambiental, danos ecolóxicos e normativa aplicable en traballos en infraestruturas forestais.

O programa Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil