As participantes no curso de “Organización e xestión de almacéns” desenvolverán as prácticas en empresas do 12 ao 26 de xullo de 2018. Os dez alumnos/as que realizarán as prácticas distribuiranse nas seguintes empresas coas que se asinaron convenios de colaboración: MediaMarkt Santiago, S.A.; Agrobotica, S.L.; Alcampo, S.A.U.; Bidafarma, S. Coop. And.; Deltacargo, S.L.; Frutería Las Delicias, S.L. Con estas prácticas procúrase que as participantes poidan aplicar en empresas do sector as aprendizaxes adquiridas durante o curso. Ademais a participación nas prácticas enténdese como a mellor carta de presentación posible do alumnado de cara a unha posible inserción laboral.

Durante o período de prácticas o alumnado integrarase no centro de traballo e contará con dous titores/as de apoio: un no centro de traballo, designado pola propia empresa, e outro do programa Mocidade con Emprego. Deste xeito realizarase un seguimento coordinado para favorecer a integración e a aprendizaxe de cada alumno. En canto aos contidos das prácticas, esquematicamente podemos destacar os seguintes: métodos de optimización do espazo e tempo na organización do almacén; estimación do custe e orzamento do funcionamento do almacén; mantemento de equipos e instalacións; xestión do traballo diario do almacén; distribución e entrega de pedidos; e sistemas de información e comunicación aplicados ao almacén.

O programa Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil.