O alumnado do itinerario formativo de “Actividades auxiliares de almacén” vai desenvolver as 40 horas do módulo de prácticas desde o 8 ao 19 de xuño de 2018. Con estas prácticas procúrase que as participantes poidan aplicar en empresas do sector as aprendizaxes adquiridas durante o curso. Ademais a participación nas prácticas enténdese como a mellor carta de presentación posible do alumnado de cara a unha posible inserción laboral.

Durante o período de prácticas o alumnado integrarase no centro de traballo para realizar: actividades auxiliares de almacén e preparación de pedidos; uso e mantemento de equipos e instalacións do almacén; manexo e condución de carretillas elevadoras. Todos os alumnos/as terán un seguimento personalizado, tanto polo titor/a no centro de traballo designado pola empresa como polo titor/a do propio programa Mocidade con Emprego; a avaliación será continua e desenvolverase de xeito coordinado entre ambos os titores/as para garantir o mellor aproveitamento posible das prácticas por parte do alumnado.

Os dez alumnos/as que participarán nas prácticas distribuiranse nas seguintes empresas de acollida coas que se asinaron convenios de colaboración: Agrobotica, S.L.; Alcampo, S.A.U.; Compostela Inserta EIL, S.L.; Bidafarma, S. Coop. And.; Eurofrut Santiago, S.L.; Frutería Las Delicias, S.L.; e Tratamento Medioambiental de Vehículos, S.L. (Trameve).

O programa Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil.