O pasado mes de maio comezabamos un curso do sector agroalimentario denominado “Agricultura ecolóxica e e-commerce” e agora imos iniciar un novo curso enmarcado tamén nese sector: “Xestión de repoboacións forestais e de tratamentos silvícolas”. Neste caso é un itinerario formativo do nivel 3 de cualificación profesional con 550 horas de formación que se desenvolverá do 6 de xuño até o 26 de setembro de 2018.

O obxectivo deste itinerario é capacitar profesionalmente ás participantes na competencia xeral de  programar e organizar as actividades necesarias para a repoboación forestal, a corrección hidrolóxico – forestal e a realización de tratamentos silvícolas, así como coordinar os recursos humanos e materiais dispoñibles cumprindo a normativa de prevención de riscos laborais e respectando o medio natural.

Este itinerario formativo ademais dos contidos teórico-prácticos que se detallan no respectivo certificado de profesionalidade (RD 682/2011, de 13 de maio, modificado polo RD 627/2013, de 2 de agosto), incluirá prácticas en empresas do sector e formación transversal en inglés, informática, xestión de subvencións e fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Con este itinerario xa son trece os que se puxeron en marcha desde o comezo do programa Mocidade con Emprego, mais índa temos pendentes de realizar seis itinerarios de diversos sectores polo que se estás interesado/a en participar inscríbete na web e/ou contacta con nós e informarémoste daquelas opcións que mellor se axusten ao teu perfil!