As participantes no itinerario de “Agricultura ecolóxica e e-commerce” van realizar as prácticas en empresas do sector do 20 ao 24 de agosto de 2018. O módulo de prácticas consta de 40 horas e ten como obxectivo que o alumnado poida aplicar en empresas aquelas aprendizaxes que adquiriron durante o curso. Ademais, o contacto que implica entre empresas e demandantes de emprego pode contribuír a favorecer procesos de inserción laboral.

Os sete alumnos/as que finalmente realizarán as prácticas están distribuídos nas seguintes empresas que asinaron os convenios de colaboración: A Horta de Dubra; O Fogar do Santiso, S.L.; Arviplant; e Concepción Docampo Sanromán.

Durante o período de prácticas o alumnado integrarase no centro de traballo e contará con dous titores/as de apoio: un no centro de traballo, designado pola propia empresa, e outro do programa Mocidade con Emprego. Deste xeito realizarase un seguimento coordinado para favorecer a integración e a aprendizaxe de cada alumno. En canto aos contidos das prácticas, esquematicamente podemos destacar os seguintes: recoller e aproveitar os cultivos empregando os medios axeitados de colleita, transporte e almacenaxe para manter a calidade do produto; describir o estado sanitario dos cultivos ecolóxicos segundo protocolos establecidos; participar nos procesos de traballo da empresa seguindo as normas e instrucións establecidas no centro de traballo.

O programa Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil